A Fusquenlla participou na XXVIII Feira da Plantación de San Sadurniño

A Fusquenlla continúa acudindo a eventos de referencia no sector agroalimentario para dar a coñecer o proxecto e as elaboracións que se están facendo nas súas instalacións. Se hai unhas semanas participaba (con grande éxito) no Galicia Fórum Gastronómico, este domingo 27 de abril pechou unha xornada tamén moi exitosa na Feira da Plantación de San Sadurniño. O evento celebrado na finca da Cortiña clausurouse pasadas as oito do serán como un dos máis concorridos que se lembran, por non dicir o que máis. A organización asegura que nos momentos centrais da feira chegaron a xuntarse arredor de 1.500 persoas, nun constante ir e vir que se mantivo practicamente invariable entre as 11 e as 14:00h. Público moi interesado na planta e no produto agroalimentario que tamén puido degustar algunhas delicadezas da Fusquenlla.

Deste xeito, a feira de San Sadurniño volveu ser escaparate para proxectos innovadores. Atendendo o posto estiveron Cynthia Arias Ramil e Carmen Caínzos Varela, quen destacaron o interese que mostrou o público polos produtos e pola actividade do centro de transformación agroalimentaria. “A mañá foi moi boa e ademais a xente ten moito interese na Fusquenlla, que a maioría xa  coñece e parécelles moi interesante”, comentou Carmen Caínzos, engadindo que moitas persoas recolleron información e preguntaron pola maneira de participar nos cursos de capacitación para utilizar as instalacións.

Caínzos, que tamén é unha das usuarias profesionais da Fusquenlla, traballa principalmente a horta de verán elaborando tomates e pementos confeitados, ademais de levar á feira unha limoada que empezou a facer recentemente e que “está tendo moi boa resposta por parte da xente maior e da rapazada, a pesar de que ten moi pouco azucre, a diferencia dos industriais… e gusta igual, aínda que non sexa tan doce. A xente valora moito que sexa produción da horta propia e que se elabore na Fusquenlla”.

A produtora local explica que o proxecto, que xa está máis ou menos asentado entre pequenos produtores cunha finalidade comercial, busca agora promover o autoconsumo -unha das ideas coas que se creou o centro de transformación: “hai xente que ten excedentes e estamos fomentado que se poidan crear grupos para que vaian elaborar, que se xunten, que venzan as reticencias que poidan ter e que dean o paso e ir facer elaboracións á Fusquenlla”.

Ademais de probar os produtos da Fusquenlla no posto desta iniciativa integrada na Rede de Espazos Coworking da Deputación da Coruña, o público da Feira da Plantación tamén puido degustalos como parte do menú elaborado ao vivo por Naír González, chef do restaurante mugardés Muelle 43.

A cociñeira participou no evento da man do programa “A provincia que sabe”, promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña, e serviu de aperitivo un cóctel con zume de mazá e limoada saídos das instalacións de Moeche, así como un solombo con chutney de cabaza e delicia de pementos -ambos prebes elaborados tamén na Fusquenlla- e, de sobremesa, crema de queixo con dúo de marmeladas de amorodo e mora, tamén feitos en San Ramón.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

 

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO