Alumnado universitario de México interésase polo modelo A Fusquenlla

Un grupo de nove estudantes e un profesor da Universidade Autónoma de Chapingo, en México, visitou este xoves as instalacións da Fusquenlla no marco das prácticas de campo internacionais do alumnado de sexto curso de Enxeñaría de Xestión de Redes Agroalimentarias. A delegación achegouse ao centro para coñecer o seu equipamento, os procesos de transformación alimentaria e, especialmente, o modelo de funcionamento dunha iniciativa pública que pon a disposición de persoas particulares e produtoras unhas instalacións punteiras. A visita enmarcouse nun percorrido por diferentes experiencias de desenvolvemento vinculadas ao sector primario en Galicia, seleccionadas polo seu interese formativo. O alumnado puido coñecer de primeira man unha proposta que comparte co seu ámbito universitario a preocupación pola sustentabilidade e a soberanía alimentaria.

Durante a visita, o grupo percorreu as distintas salas tomando boa nota dos equipamentos dispoñibles, así como dos procesos e elaboracións que se poden realizar no centro, que é un referente das posibilidades que ofrece a transformación de produtos agroalimentarios a pequena escala, tanto para o autoconsumo como para a comercialización.

Un dos aspectos que máis lle chamou a atención á delegación foi o carácter público da iniciativa e o feito de que funcione cun modelo baseado maioritariamente na autoxestión onde calquera persoa pode acceder ás instalacións por un prezo asumible, sempre que conte coa formación necesaria para utilizalas. Este sistema permite que pequenas produtoras e produtores, así como persoas interesadas en transformar os seus propios alimentos, dispoñan de medios e recursos que doutro xeito lles serían imposibles de asumir polo seu elevado custo.

A elección da Fusquenlla como parada nesta viaxe académica responde ao interese do alumnado por coñecer experiencias galegas que acheguen solucións prácticas ao desenvolvemento do sector primario. Neste sentido, a filosofía que promoven os concellos integrados na Fusquenlla coincide coas liñas de traballo da Universidade Autónoma de Chapingo, unha institución pública mexicana que ofrece formación en ámbitos como a agroecoloxía, a enxeñaría agroindustrial e a xestión de redes agroalimentarias.

Precisamente, a titulación que cursa o grupo visitante impártese no Centro Académico Rexional de Huatusco, en Veracruz. O seu programa aborda cuestións relacionadas coa transformación e conservación de produtos agropecuarios, a xestión sostible dos sistemas produtivos, a economía solidaria e os circuítos curtos de comercialización. A formación inclúe tamén prácticas de campo internacionais, concibidas como unha oportunidade para coñecer experiencias e modelos de traballo noutros territorios.

A xornada rematou cun intercambio de agasallos: o  alumnado levou unha bolsa cunha pequena mostra de produtos elaborados na Fusquenlla, mentres que, pola súa banda, a delegación mexicana lle entregou ao centro de transformación un recoñecemento en agradecemento pola atención recibida e pola oportunidade de compartir coñecementos e experiencias co estudantado.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

 

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO