A Fusquenlla completa un novo curso para acompañantes de produción

O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, prosegue coa súa oferta formativa orientada á capacitación de persoas que queiran sumarse ao proxecto. Até o momento xa se ofreceron tres cursos de 60 horas cun total de 50 persoas participantes. Estiveron centrados principalmente no manexo da maquinaria e o funcionamento das instalacións, aínda que o temario teórico e práctico tamén abordou cuestións relacionadas coa seguridade alimentaria, a comercialización de produtos e a iniciativa empresarial. Superar estas accións formativas é requisito imprescindible para poder facer elaboracións no centro situado no recinto feiral de Moeche, do que xa están empezando a saír zumes, marmeladas e distintos tipos de conservas de horta. En paralelo, na Fusquenlla tamén está en marcha a programación didáctica para persoas acompañantes das produtoras principais, de cara a ofrecerlles nocións básicas que lles permitan axudar nos procesos de elaboración garantindo en todo momento as condicións sanitarias e de trazabilidade. Un destes cursos, de 5 horas de duración e ofrecido con axuda da Deputación, desenvolveuse o sábado con 23 participantes.  

O acceso á formación ofrecida dentro do proxecto A Fusquenlla estase facendo por orde de solicitude a través dun formulario en liña que, por cuestións operativas e de espazo dispoñible no centro, só pode atender entre quince e vinte peticións para cada curso convocado, e xa van tres aos que asistiron 50 persoas dos concellos promotores -Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño-, pero tamén doutros puntos da provincia.

E é que o centro de transformación agroalimentaria, nacido como un proxecto compartido polos catro concellos con apoio da Deputación da Coruña, pouco a pouco foi ampliando o seu radio de acción coa vocación de ser lugar de referencia provincial para todo o que ten que ver cos envasados de horta, froita e mel da máxima calidade, dirixidos principalmente á comercialización de proximidade aínda que sen desbotar as posibilidades que abren os mercados globais.

Ademais dos cursos principais, A Fusquenlla tamén está ofrecendo formación para persoas acompañantes das produtoras e produtores. É dicir, quen teña xa o coñecemento certificado sobre o funcionamento das instalacións e da maquinaria  pode coordinarse cos grupos de traballo para facer os seus produtos transformados e, ademais, contar con alguén que lle bote unha man na manipulación da materia prima e outros procesos, sempre baixo a súa supervisión. A definición de ambas figuras, a de persoa produtora e acompañante, está recollida na ordenanza reguladora das taxas de usos do centro, aprobada recentemente polo Concello de Moeche como titular das instalacións.

O primeiro curso de acompañamento, de 5 horas de duración, desenvolveuse o pasado mes de xuño con 17 participantes. O segundo tivo lugar o sábado na Casa da Cultura de San Sadurniño con outras 23. Os contidos estiveron orientados á hixiene alimentaria -posibles intoxicacións, tipos de conservación, requisitos de limpeza persoal e dos espazos, alérxenos, etc.-, aínda que tamén se introduciron no temario a prevención de riscos laborais -especialmente os referidos ao centro de transformación- e os rexistros e protocolos preventivos da contaminación dos alimentos.

Integración na rede coworking da Deputación
A Fusquenlla forma parte da rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, postos en marcha en varios concellos da provincia como puntos de dinamización do emprendemento onde as ideas innovadoras atopan un espazo compartido con outras iniciativas que se poden apoiar unhas nas outras, creando así novas sinerxias. Ademais, no caso do centro radicado en Moeche, tamén se aposta polo potencial do medio rural ofrecendo instalacións e equipamento para a transformación de excedentes de alto valor engadido.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO