Ao longo deste sábado está desenvolvéndose na Casa da Cultura de San Sadurniño última xornada do programa de difusión do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Na cita de hoxe, á que asisten 25 persoas, están coñecéndose experiencias que xa funcionan noutras partes de Galicia e do Estado moi similares á que se pretende poñer en marcha nas instalacións de San Ramón, todas elas co denominador común de compartir un mesmo espazo para darlle maior valor engadido aos froitos da terra por medio da súa elaboración e conservación artesanal.
O encontro tamén ten como obxectivo poñer en común ideas sobre os posibles modelos de xestión e funcionamento do centro A Fusquenlla, ademais de ir conformando un grupo estable de persoas interesadas en utilizar o seu equipamento, xa sexa de maneira individual ou colaborando en proxectos conxuntos.
O espazo, situado no recinto feiral de Moeche, está deseñado e dotado con toda a maquinaria necesaria para a conservación de froitas e hortalizas, para a produción de zumes e para a extracción e envasado de mel. Neste sentido, as elaboracións que saian da fusquenlla -para autoconsumo ou para venda- irán amparadas con rexistro sanitario e cumprindo con toda a normativa de seguridade e trazabilidade alimentaria.
A Fusquenlla é unha iniciativa dos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño -encadrada ademais no Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal- que busca ser referente na dinamización do medio rural e na posta en valor de produtos agroalimentarios de proximidade e da máxima calidade.
O centro conta con apoio da Deputación da Coruña -dentro da rede de espazos de traballo colaborativo-, pola Consellaría do Medio Rural e polos fondos europeos do LEADER. A campaña inicial de difusión do centro que agora remata conta con financiamento da Dirección Xeral de G