As persoas usuarias deberán actualizarse para utilizar a nova maquinaria do centro A Fusquenlla

O centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na Rede Coworking PEL da Deputación, acaba de aumentar o seu equipamento gracias a un investimento superior aos 165.000 euros, sufragados con achegas da propia Deputación da Coruña e con fondos do programa europeo Leader xestionado polo GDR comarcal Seitura 22. Neste sentido, ás distintas dependencias das instalacións incorporáronse preto de medio cento de referencias, entre  maquinaria especializada e outro enxoval auxiliar. Unha das novidades máis destacadas -por tamaño e pola súa función- é o autoclave,  fundamental para a esterilización das conservas e para axilizar o proceso de elaboración. Por este motivo,  as persoas usuarias principais que fixeron o curso de capacitación da Fusquenlla deberán pasar agora por unha formación teórica de tres horas para actualizarse no manexo deste equipamento. 

O curso acelerado sobre o funcionamento do autoclave impartirase este martes 3 de decembro entre as 17:00 e as 20:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño. Dos contidos encargarase Andrés Sobrido Troncoso, responsable de Alserco S.L., a empresa pontevedresa especializada en maquinaria para a industria alimentaria que fabricou á medida o autoclave instalado na Fusquenlla.

Ademais de falar sobre o propio equipamento -que, simplificando, vén sendo unha grande máquina de cocción con vapor a alta presión-, a sesión tamén se ocupará de explicar como inciden os microorganismos nas conservas, os seus posibles efectos prexudiciais para a saúde e como estes se poden previr aplicando tratamentos térmicos no proceso de elaboración.

Na parte final do minicurso veranse detalles máis específicos do funcionamento do autoclave e, sobre todo,  as precaucións e medidas de seguridade que se deben ter en conta.

Desde o proxecto A Fusquenlla -integrado por Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño- avánzase que próximamente se desenvolvan as sesións prácticas desta e doutra maquinaria de recente instalación, coa previsión de que a actualización formativa dirixida a usuarias e usuarios principais poida completarse nos primeiros compases de 2025.

Máis de 165.000 euros de investimento
O Concello de San Sadurniño foi o encargado de licitar o pasado mes de abril o contrato de subministración e instalación do novo equipamento no centro de transformación.

O investimento final alcanzou os 165.717,47 euros, impostos incluídos, cos que se mellorou considerablemente a parte dedicada a transformación e conservación agroalimentaria. Entre outro material, alén do autoclave, mercouse unha envasadora, un muíño para a froita, un cocedor de cremas, unha lavadora-centrifugadora de verduras, unha máquina de baleiro, andeis en inox, etc. Ademais tamén se incorporou toda a maquinaria que faltaba para facer posible a entrada en funcionamento da liña de extracción e envasado do mel.

A adxudicataria do contrato foi a firma ANERPRO Energía y Procesos S.L.U., con sede no concello coruñés de Bergondo e trinta anos de experiencia no deseño e instalación de solucións para o sector agroalimentario.

A Fusquenlla, peza clave na vertente agroalimentaria do xeoparque
Os equipamentos que acaban de entrar formar parte do enxoval da Fusquenlla eran material que estaba previsto desde os inicios do proxecto pero que debeu agardar a que houbese financiamento para mercalo e instalalo, ou ben a resposta a necesidades que se foron detectando desde que o centro empezou a funcionar.

Alén do equipamento, o centro de transformación agroalimentaria ten nas  persoas usuarias a súa razón de ser. Entre elaboradoras e elaboradores principais -que superaron un curso de capacitación de 60 ou 40 horas- e axudantes, neste momento pasan de 150, na súa maioría particulares que queren utilizar as instalacións para preparar os seus propios excedentes para autoconsumo, pero tamén produtoras e produtores que están dando os seus primeiros pasos na comercialización baixo o paraugas do rexistro sanitario e da trazabilidade que ofrece o centro.

De cara a estruturar o funcionamento desta iniciativa, os concellos promotores deseñaron un regulamento de funcionamento que neste momento está na fase de exposición pública e que, en último caso, pretende vertebrar o proxecto de cara ao futuro. Un proxecto que, ademais, conecta directamente cos valores do Xeoparque do Cabo Ortegal. De feito, o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino presentado en San Sadurniño a semana pasada pola Deputación da Coruña (no que se degustaron zumes, conservas e marmeladas da Fusquenlla), menciona no seu Eixo nº 4, o da Competitividade, a posta en valor de produtos do sector primario para o turismo e a promoción dos produtos agroalimentarios locais.

As accións reflectidas no PSTD coinciden coas que pretende levar adiante A Fusquenlla, en especial as que buscan crear unha marca alimentaria amparada polo xeoparque e a implantación do programa de certificación alimentaria dos Xeoparques Mundiais da Unesco GEOFood, como distintivo de calidade, pero tamén de sostenibilidade ambiental e social.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO