A experiencia da Fusquenlla dáse a coñecer no Encontro de Obradoiros compartidos celebrado en Vilarmaior

O albergue de ecoturismo Alvarella, situado en Vilarmaior, acolleu durante o venres e o sábado o encontro profesional organizado polo Sindicato Labrego Galego para mostrar distintas experiencias de traballo compartido coas que fomentar a reactivación produtiva do rural. O programa abordou cuestións tan diversas como a importancia socioeconómica dos obradoiros que se están poñendo en marcha -como é o caso do centro colaborativo A Fusquenlla-, os aspectos sanitarios e fiscais ou incluso os modelos organizativos que mellor resultado poden dar para o seu funcionamento, vendo para iso exemplos de espazos pertencentes á Rede Coworking da Deputación da Coruña e doutros puntos do Estado.

A primeira xornada do encontro arrancou cunha mesa na que interviron Xosé María García -gandeiro de San Sadurniño e membro da executiva nacional do SLG-, Pilar Martínez -responsable de programas e de alimentación sostible da Fundación Carasso-, Raquel Clemente -da cooperativa Germinando, de Madrid-, a técnica da Deputación da Coruña Sofía Sanesteban -encargada de xestionar proxectos do Plan de Emprego Local- e, completando o panel, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, en representación dos municipios promotores da Fusquenlla.

O tema principal do inicio do foro foi analizar a importancia estratéxica dos centros de traballo compartidos, a partir dos cales é posible volver artellar tanto unha produción de calidade e sostible como un comercio que atenda mercados próximos. Acurtar circuitos e fomentar economías locais, en definitiva, que cumpran ademais a función de termar do rural como un medio vivo.

Canda estes temas que encadraron as xornadas, o encontro tamén abordou as implicacións sanitarias e fiscais de participar nun obradoiro colectivo, neste caso da man de Luis Couto -xefe de zona dos Servizos veterinarios de Saúde Pública da Xunta-, e de Óscar Lugrís, especialista en fiscalidade de Servizos Agrarios e Contables.

Xa pola tarde coñecéronse as experiencias do Obradoiro de transformación Alimentaria de Jaca vinculado co Viveiro de empresas agroalimentarias Adecuara, así como a do espazo compartido da asociación VallaEcolid, que integra produción, elaboración e comercialización ecolóxica en Valladolid.

Durante o sábado a actividade enfocouse no traballo que se está desenvolvendo a través das iniciativas de apoio ao medio rural Daquí Darredor, no concello coruñés de Brión, e na Fusquenlla, ambas integradas na Rede de Espazos Coworking da Deputación da Coruña e cunha filosofía de traballo moi similar.
De feito, nos dous casos puxéronse en marcha centros de transformación agroalimentaria dos que saen todo tipo de elaboracións de horta e froita, de modo que “cada vez están cobrando maior importancia como tractores económicos e de desenvolvemento”, tal e como apunta Manolo Varela. O edil engade que o encontro celebrado esta fin de semana en Vilarmaior “serviunos para volver confirmar unha vez máis que apostar polo próximo é o camiño, Coa Fusquenlla, que aínda está botando a andar, estamos avanzando na dirección correcta”.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO