A Fusquenlla iniciará a mediados de marzo un novo curso para produtoras e produtores que queiran utilizar as súas instalacións

O Centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, está preparando unha nova acción formativa para capacitar ás produtoras e produtores da comarca tanto no manexo do equipamento como nas técnicas de transformación e envasado alimentario. Será o cuarto curso deste tipo que se ofreza nas instalacións, co obxectivo de seguir ampliando a base social dun proxecto co que se busca dinamizar a economía da zona apostando polos produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias. Para esta primeiro curso de 2024 botarase man do listado de agarda das solicitudes rexistradas até o momento a través do formulario da web afusquenlla.gal.

A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non está limitado unicamente á veciñanza dos catro concellos promotores e dos que acaban de sumarse ao proxecto, senón que está aberto a calquera persoa interesada.  

Neste sentido, o formulario de inscrición recolle permanentemente solicitudes ás que se lles vai dando saída por orde de petición a medida que se van convocando accións formativas, cun cupo de entre 15 e 20 persoas. Na asignación das prazas dáselles prioridade a aquelas persoas que contan con REAGA e que se dedican profesionalmente á produción e a comercialización, de cara a que poidan ampliar e diversificar a súa actividade. 

Trátase de cursos gratuitos de 28 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións. 

O próximo que hai programado comezará o 15 de marzo e finalizará o 19 de abril, distribuido en sete xornadas de catro horas de duración. Para facilitar a asistencia, as sesións desenvolveranse os venres pola tarde e sábados pola mañá cos seguintes horarios e lugares de impartición:

Xornada Data Horario Lugar
1 Venres 15 de marzo 16:00 a 20:00h Casa da Xuventude de San Sadurniño
2 Sábado 16 de marzo 9:30 a 13:30h Casa da Xuventude de San Sadurniño
3 Venres 22 de marzo 16:00 a 20:00h Casa da Xuventude de San Sadurniño
4 Venres 5 de abril 16:00 a 20:00h Centro A Fusquenlla – Moeche
5 Sábado 6 de abril 9:30 a 13:30h Centro A Fusquenlla – Moeche
6 Venres 12 de abril 16:00 a 20:00h Centro A Fusquenlla – Moeche
7 Venres 19 de abril 16:00 a 20:00h Centro A Fusquenlla – Moeche

 

O temario inclúe no seu primeiro módulo todo o referido a hixiene, prevención de contaminacións e intoxicacións, prácticas de manipulación, hixiene, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc. Nos módulos 2, 3 e 4 veranse, respectivamente, a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros. O último módulo estará máis centrado na práctica de elaboracións básicas de produtos hortofrutícolas. O curso rematará cun pequeno exame de avaliación dos coñecementos adquiridos.

A pesar de que o curso xa ten cuberto o cupo de participantes, desde o proxecto A Fusquenlla insístese en que calquera persoa que desexe participar en próximas convocatorias debe inscribirse na lista de agarda a través deste formulario de Google Drive.

A seguinte acción formativa que se levará a cabo terá unha duración de cinco horas e dirixirase á capacitación básica de persoas acompañantes que lles vaian axudar ás produtoras e produtores principais que xa teñan superado o curso de 28 horas.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO