22 persoas usuarias do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla participaron o pasado 21 de xullo nunha xornada do Laboratorio de Innovación Rural organizada pola consultora Implicatum co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). O encontro, celebrado na Casa da Xuventude de San Sadurniño, serviu para dinamizar o grupo e mellorar a súa capacidade organizativa. O obxectivo é avanzar cara a un modelo autoxestionado do proxecto e reforzar as sinerxías entre as produtoras e produtores que usan as instalacións.
A sesión comezou cunha presentación conxunta e continuou con traballo en grupos. As persoas participantes puxeron en común ideas para potenciar o uso da Fusquenlla como espazo compartido que permite elaborar produtos agroalimentarios e impulsar novas iniciativas.
Implicatum, promotora da iniciativa, incidiu na importancia de xerar dinámicas que leven cara á autoxestión. A consultora xa ten desenvolto outras accións formativas e de acompañamento para o colectivo, sempre cun enfoque práctico e participativo. A aposta pasa porque as persoas usuarias teñan máis capacidade de decisión e organización interna.
A participación das persoas usuarias da Fusquenlla no Laboratorio de Innovación Rural é, en certa maneira, un paso máis na súa formación, centrada ata o momento en aspectos técnicos da maquinaria e nos procedementos que se deben seguir para garantir a seguridade alimentaria. Ata o momento, 70 persoas completaron estas accións e están acreditadas para usar as instalacións. Ademais, A Fusquenlla tamén ofrece cursos específicos para axudantes, co fin de mellorar o traballo compartido e optimizar o tempo de uso dos equipos.
A Fusquenlla, situada en Moeche e xestionada en colaboración con varios concellos da comarca, conta cun equipamento moderno grazas a recentes investimentos da Deputación da Coruña. Estas melloras permiten aumentar a capacidade produtiva e diversificar os procesos, algo que se ve reforzado pola vontade das usuarias e usuarios de asumir un papel protagonista na xestión. O encontro de xullo foi un paso máis para consolidar esa meta.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



