Cedeira acollerá o día 8 a presentación de KB0 Ortegal, o novo selo de calidade para os produtos do Xeoparque Cabo Ortegal

A vila de Cedeira acollerá o mércores 8 de abril, ás 19:00 horas, unha nova xornada de presentación e información arredor de KB0 Ortegal, a marca  impulsada para distinguir os produtos do mar e da terra no ambito do xeoparque da UNESCO. Esta iniciativa, que vai moito na liña do traballo que se desenvolve na Fusquenlla, nace dentro do Plan de Sostibilidade Turística promovido pola Deputación da Coruña co obxectivo de certificar a excelencia e a orixe local baixo un distintivo de prestixio internacional. A cita do día 8, que terá lugar no auditorio municipal, será clave para coñecer os pasos necesarios para adherirse a este selo, que busca elevar a competitividade de todo o tecido produtivo da nosa contorna empregando como principais argumentos a orixe, a proximidade e a calidade.

A asistencia a este encontro resulta fundamental para os produtores e produtoras que queiran sumar valor engadido ás súas marcas. Durante a sesión explicaranse polo miúdo os requisitos técnicos e as vantaxes competitivas que pode ofrecer este novo selo á hora de visibilizar os produtos e posicionalos no mercado.

Ademais de debullar a folla de ruta para a adhesión, a xornada permitirá coñecer de primeira man diversos casos de éxito vinculados a outras marcas agroalimentarias consolidadas. Estas experiencias servirán de guía e inspiración para o desenvolvemento comercial dos proxectos que hoxe xa traballan no noso centro de transformación en Moeche.

Desde A Fusquenlla queremos facer un chamamento especial ás usuarias e usuarios, principalmente ás profesionais, para que non perdan esta oportunidade, xa que o evento tamén será punto de encontro e intercambio onde o sector primario pode compartir inquedanzas e fortalecer vínculos profesionais con outras actividades -o turismo ou os servizos, por exemplo- que tamén son parte activa e fundamental do Xeoparque Cabo Ortegal.

Cómpre salientar que este proxecto do que xorde a marca KB0 Ortegal conta co apoio financeiro dos fondos europeos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As persoas interesadas en acudir á presentación de Cedeira deberán confirmar a asistencia a través deste formulario de inscrición  habilitado polo Xeoparque.

 

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO