O novo programa LEADER: unha oportunidade para dar un paso máis cos teus produtos

As novas axudas LEADER para 2026, convocadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do PEPAC 2023-2027, xa están abertas e poden converterse nun impulso decisivo para as persoas usuarias da Fusquenlla que queiran transformar e comercializar  elaboracións de froita e horta. A liña produtiva —á que poden acceder persoas físicas e pequenas empresas— financiará proxectos de creación ou mellora de actividade económica no rural, cunha axuda de entre o 15 % e o 50 % do investimento subvencionable e ata un máximo de 200.000 euros por proxecto. No caso das pequenas agroindustrias de transformación agraria, o investimento elixible poderá chegar, con carácter xeral, ata os 60.000 euros. O prazo para presentar solicitudes remata o 6 de abril.

Para quen está pensando en elaborar marmeladas, zumes, conservas vexetais, deshidratados ou outros derivados da produción da horta, esta convocatoria é unha ferramenta directa para facer realidade o proxecto ou para modernizar o que xa está en marcha. E é que o LEADER apoia tanto a posta en marcha dunha nova iniciativa como a ampliación ou modernización dunha empresa existente, sempre que supoña actividade económica e creación ou mantemento de emprego.

Que se pode financiar? Aínda que A Fusquenlla, como espazo de traballo compartido, xa está cubrindo as necesidades de maquinaria e sanitarias das produtoras e produtores que empregan as instalacións, quen queira ir un paso máis aló ten no LEADER unha posible vía de financiamento para a adecuación dun local ou nave, para a compra doutra maquinaria e equipamentos auxiliares, ou para acometer investimentos en dixitalización, software de xestión, páxinas web ou rexistros e licenzas necesarios para a actividade.

Tamén se admiten determinados custos técnicos, como proxectos de enxeñaría ou estudos de viabilidade. No caso de vehículos, só serán subvencionables se están afectos en exclusiva á actividade empresarial, e quedan fóra as iniciativas do transporte por conta allea.

Cómpre ter en conta algunhas cuestións importantes: non se subvencionan gastos de mantemento ordinario, maquinaria de segunda man, IVE recuperable nin investimentos iniciados antes da solicitude (agás algúns gastos previos como licenzas, terreos ou honorarios técnicos). Ademais, os proxectos deben ser viables técnica e economicamente, cumprir a normativa sanitaria e localizarse no territorio do GDR Seitura 22, dentro do cal se atopan os sete concellos promotores da Fusquenlla.

Como novidade, esta convocatoria permite executar e xustificar os investimentos ao longo de tres anualidades (2026, 2027 e 2028), o que facilita planificar mellor o crecemento do proxecto. Iso si, existen fitos intermedios: unha parte do investimento deberá estar executada antes de rematar 2026, outra antes de xullo de 2027 e o resto antes de setembro de 2028.

Xunto á liña xeral de proxectos produtivos, tamén se poderá solicitar o Bono Activa Rural, unha axuda a tanto global de ata 18.000 euros para persoas autónomas que inicien unha actividade non agraria e creen polo menos o seu propio posto de traballo. Neste caso, a subvención non está vinculada á xustificación de facturas concretas, senón ao cumprimento do plan empresarial e ao mantemento da actividade durante un mínimo de cinco anos.

Para as persoas usuarias da Fusquenlla, estas axudas poden supoñer o apoio necesario para profesionalizar a produción, mellorar a imaxe e comercialización dos produtos ou dar o paso definitivo cara á transformación con valor engadido. O prazo para solicitar as axudas remata o 6 de abril, polo que é recomendable iniciar canto antes a preparación da proposta.

A Asociación GDR Seitura 22 ofrece acompañamento individualizado durante todo o proceso: desde a definición da idea ata a presentación, execución e xustificación do proxecto. As persoas interesadas poden contactar no teléfono 981 33 33 98 ou no correo electrónico info@seitura22.gal para recibir asesoramento e estudar como encaixar a súa iniciativa nesta convocatoria.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO