O noso proxecto participou entre o 13 e o 15 de novembro no Encontro Anual da Rede de Municipios pola Agroecoloxía, celebrado no municipio biscaíño de Orduña. A cita reuniu durante tres días a representantes políticos, persoal técnico municipal, produtoras e organizacións sociais de todo o Estado para abordar políticas alimentarias locais, o impulso da agroecoloxía e estratexias para reducir o desperdicio, nun programa cargado de paneis temáticos, visitas técnicas e espazos de intercambio. No panel dedicado ao desperdicio alimentario e á economía circular, celebrado o venres 14, interviu Xosé María García, produtor e membro do grupo de traballo da Fusquenlla, quen presentou a experiencia do centro baixo o título “A Funsquenlla: acoller o excedente de horta nos obradoiros compartidos”.
García explicou a traxectoria dun proxecto que naceu coa vontade de ofrecer un espazo de transformación seguro e accesible para pequenas produtoras, permitindo converter os seus excedentes agrícolas en conservas, marmeladas, zumes, mel e outros produtos con maior valor engadido e baixo rigorosos criterios de seguridade alimentaria, sanidade, etiquetaxe e trazabilidade.
Destacou tamén o carácter colaborativo e supramunicipal da iniciativa, que hoxe xa se consolidou como un referente na comarca e continúa avanzando cara ao obxectivo de ser o centro de transformación de referencia no norte da provincia para o envasado de froita, horta e mel.
Ademais da participación no panel de expertos, a delegación galega tivo ocasión de coñecer de primeira man proxectos impulsados polo Concello de Orduña, como a cociña municipal ou diversas iniciativas de renaturalización, así como experiencias doutros territorios en políticas de abastecemento local, protección do solo agrario, economía circular e apoio ao sector produtor.
A Rede de Municipios pola Agroecoloxía subliñou ao peche da edición 2025 a importancia de seguir fortalecendo alianzas entre administracións, produtoras e sociedade civil para avanzar cara a sistemas alimentarios máis xustos, sostibles e resilientes.
Participación da Fusquenlla na Feira Sector Primario, en Narón
A iniciativa A Fusquenlla tamén vai participar este martes 18 de novembro na Feira Sector Primario que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Narón durante toda a mañá. No espazo haberá distintos expositores relacionados coa produción agroalimentaria, o forestal, a flor e o marisqueo.
A mostra, que pretende ser escaparate comarcal do sector, complementarase cun programa de ponencias rápidas que arrancarán pouco despois das 10:00h coa experiencia da Cooperativa Agroflor, seguida sobre as 10:40h da intervención da Confraría de Barallobre. A media mañá, a iso das 11:10h, tocaralle a vez a Campo Capela. Tras unha breve pausa, a xornada encarará a súa parte final coa ponencia ás 12:20h sobre comunidades de montes e, pechando, A Fusquenlla, que explicará a súa experiencia a partir das 12:50h.
A Feira Sector Primario, concibida tamén como punto de encontro para compartir ideas e proxectos de futuro, está organizada pola Deputación da Coruña, o Concello de Narón e AJE Ferrolterra.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



