A marca de calidade KB0 e o proxecto A Fusquenlla terán este sábado unha presenza destacada na Feira Rural de San Sadurniño, achegando ao público unha ampla mostra de produtos agroalimentarios elaborados e comercializados no territorio. As dúas iniciativas, vinculadas á promoción da produción local, á transformación alimentaria e ao consumo de proximidade, estarán presentes tanto nos sorteos e premios da xornada como nas actividades de demostración e degustación previstas ao longo do día, nun evento que reunirá a uns 65 expositores. Ademais, A Fusquenlla contará con expositor propio no que se poderán adquirir as elaboracións de todo tipo -marmeladas, conservas, zumes e mesmo pratos deshidratados, entre ouros- que xa se están saíndo do obrador.
KB0, a marca promovida polo Xeoparque Cabo Ortegal, identifica produtos locais elaborados no territorio e vinculados aos valores de proximidade e sustentabilidade. A Feira Rural permitirá coñecer unha parte importante desta produción a través dos 15 cestillos de produtos que se sortearán ao mediodía e durante a tarde, así como das tres grandes cestas que se entregarán como premio no concurso da froita, valoradas en 100 euros cada unha.
As cestas estarán compostas por unha selección de produtos amparados polo distintivo KB0, entre os que se atopan os meles de Abella Mestra, Cen por Cen Mel e Mel de San Martiño, unha Lola da Cascarilla, os queixos de Lácteos de Moeche e as galletas de Maruxas de Nata. Tamén incluirán produtos de Manda Carballo elaborados na Fusquenlla, como risotto, paté de shiitake e salsa de boletus, ademais de conservas de Conservas La Pureza, con congro en aceite, ventresca de atún e zamburiñas en salsa.
A selección complétase con marmelada de mazá de Semente Negra, crema de cabaciño, marmelada de mazá e pisto de Amieiro, marmeladas de pera e mazá e escama de cebola de Aires de Susi -tamén da Fusquenlla-, así como piparras de Piparra Atlántica -outra das iniciativas que tamén usa as instalacións-, froitos de Chema de Couzadoiro e zume de mazá e limoada de Ay! Carmen transformadas no centro situado en San Ramón.
Precisamente, A Fusquenlla terá tamén un espazo propio na programación da Feira Rural, cunha demostración e degustación que permitirá coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve no obradoiro compartido de transformación agroalimentaria, onde se facilita que produtoras e produtores da contorna poidan transformar parte das súas colleitas e materias primas en novos produtos, ampliando as posibilidades de aproveitamento e comercialización das colleitas locais.
Deste xeito, a presenza conxunta de KB0 e A Fusquenlla permitirá amosar dous elos complementarios da cadea de valor alimentaria da comarca: por unha banda, o distintivo que identifica e dá visibilidade a produtos alimentarios e artesanais de proximidade e, pola outra, unha infraestrutura que facilita a súa transformación e elaboración. A Feira Rural converterase así nun escaparate para coñecer non só o que se produce no territorio, senón tamén algunhas das iniciativas que contribúen a darlle maior valor engadido.
Os mesmos produtos, ou unha selección deles, estarán presentes nos 15 cestillos de menor tamaño que se sortearán ao longo da xornada deste sábado en San Sadurniño. Haberá dous momentos para participar nos sorteos, ao mediodía e durante a tarde, polo que as persoas que se acheguen á feira terán varias oportunidades para levar para a casa unha mostra da produción de proximidade.
Ademais dos produtos amparados polo distintivo KB0 e dos elaborados na Fusquenlla, na Feira tamén poderemos ver unha ampla colección de froita da comarca e incluso refrescar o padal, un ano máis, cun Bico de Xeado elaborado con mazá santiaguesa que só se poderá probar na Feira.
A Fusquenlla é un proxecto de transformación alimentaria compartida que facilita ás pequenas produtoras e produtores da contorna o aproveitamento e transformación das súas materias primas, favorecendo a creación de novos produtos e a xeración de valor no propio territorio. O proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña e está integrado polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño, aínda que nel hai usuarias e usuarios doutros puntos da provincia.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



