Outras 28 persoas formaranse a partir da semana que vén como usuarias principais da Fusquenlla

O Centro de Transformación A Fusquenlla promove un novo curso especializado para capacitar ás futuras usuarias e usuarios na manipulación e conservación de alimentos. A formación, que contará cun total de 28 participantes, estrutúrase en tres módulos teórico-prácticos de 15 horas de duración total que abranguen dende a hixiene alimentaria ata o uso de equipos de procesamento térmico. Ademais, esta acción formativa é imprescindible para obter os coñecementos necesarios sobre o equipamento dispoñible nas instalacións -situadas no recinto feiral de San Ramón-, xa que sen este curso non se pode acceder á condición de persoa usuaria principal da Fusquenlla.

A programación dará comezo o 21 de marzo cun primeiro módulo teórico na Casa da Xuventude de San Sadurniño, onde as asistentes recibirán nocións clave sobre seguridade alimentaria, trazabilidade e etiquetaxe de produtos. Posteriormente, o 25 de abril terá lugar o segundo módulo teórico na Casa da Cultura da mesma localidade, centrado no funcionamento de autoclaves e pasteurizadores.

A parte práctica do curso desenvolverase no Centro de Transformación A Fusquenlla, en Moeche, a partir do 9 de maio. Para garantir unha formación eficiente, as participantes serán distribuídas en catro grupos de sete persoas. Durante estas sesións, traballarán cos equipamentos profesionais dispoñibles, como a nova autoclave, a deshidratadora, a marmita, a envasadora ou a seladora ao baleiro, entre outros.

Esta iniciativa busca dotar de coñecementos técnicos ás futuras usuarias e usuarios do centro, facilitando o seu acceso ao rexistro sanitario de cara á comercialización de produtos transformados. A formación pretende capacitar, pero tamén fomentar a produción alimentaria a pequena escala para autoconsumo ou para atender os mercados máis cercanos, garantindo sempre que os produtos elaborados cumpran os estándares de calidade e seguridade.

A Fusquenlla é un proxecto promovido polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño, cunha clara aposta pola soberanía alimentaria e o impulso da produción de proximidade, que ademais coincide co ámbito do Xeoparque de Cabo Ortegal. O centro proporciónalles ás produtoras locais un espazo e aparellos para transformaren cultivos e froitos en elaboracións de alto valor engadido, contribuíndo así á dinamización do sector agroalimentario.

Ademais, o proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña, que respalda esta infraestrutura -integrada na Rede de espazos Coworking PEL- como unha ferramenta clave para fortalecer o tecido produtivo da comarca.

A Fusquenlla adoita ofrecer un curso cada ano para capacitar ás persoas usuarias principais. Co que vai comezar o próximo 21 de marzo serán xa cerca de 200 as que pasaron por esta formación e polos cursos de menor duración dirixidos ás persoas axudantes das usuarias principais. Quen queira asistir ás próximas convocatorias, que son gratuítas, debe anotarse neste   formulario de Google Drive.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Outras novas

Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural  “A Fusquenlla” – Recinto Feiral de San Ramón S/N 15563 San Xoán, Moeche (A Coruña) – t. 981 404 006 – contacto@afusquenlla.gal

Sitio implementado por GNOMIO