A nova marca de calidade KB0 Ortegal estreouse hai uns días en Ortigueira coa entrega das acreditacións ás primeiras empresas que se unen a este distintivo impulsado pola Deputación da Coruña para identificar e poñer en valor os produtos agroalimentarios e do mar do Xeoparque Cabo Ortegal. Entre as pioneiras hai tres firmas directamente vinculadas ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla —Ay Carmen, Aires de Susi e Manda Carballo—, ademais das promotoras de Piparra Atlántica, que nestes momentos se preparan para comezar a traballar no obradoiro. Para todas elas, e para calquera produtora, transformadora ou comercializadora dos sete concellos do territorio, KB0 abre unha oportunidade de diferenciarse no mercado asociando os seus produtos á identidade dun territorio recoñecido internacionalmente. Ademais, a adhesión ao selo do xeoparque é totalmente gratuíta.
KB0 Ortegal é un distintivo de calidade territorial que identifica os produtos alimentarios con vínculo directo co Xeoparque Cabo Ortegal. O seu obxectivo é triplo: ofrecer ás persoas consumidoras unha garantía clara sobre a orixe e a calidade do que mercan; proporcionar ás empresas un respaldo institucional nos seus esforzos de comunicación e marketing; e actuar como motor de desenvolvemento local, contribuíndo a fixar poboación e a fortalecer o tecido produtivo rural e costeiro da comarca.
A marca pertence e é xestionada pola Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, entidade formada polos sete concellos do territorio, aínda que a iniciativa foi impulsada pola Deputación da Coruña dentro do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino do xeoparque. O seu uso é gratuíto para as empresas adheridas, posto que non existe canon de entrada nin cota periódica, e todos os custos de xestión, promoción e control son asumidos pola entidade xestora do Xeoparque Cabo Ortegal.
Que produtos e empresas poden adherirse?
A marca abrangue unha ampla variedade de produtos e actividades. Organízase en cinco tipoloxías: produtos agrícolas como hortalizas, froitas, viños, cervexa ou plantas aromáticas; produtos cárnicos e de orixe animal como carnes, embutidos, leite, queixos ou ovos; produtos do mar como pesca fresca, marisco, algas, sal mariño ou conservas; doces, repostaría, panadaría e produtos da colmea; e, por último, servizos auxiliares vinculados á produción alimentaria local, como a comercialización, o envasado ou a loxística especializada.
Cada tipoloxía ten asignado un código de cor propio no logotipo, o que permite identificar de xeito visual a natureza do produto certificado.
Que condicións hai que cumprir?
Para poder solicitar a adhesión, as empresas deben cumprir uns requisitos mínimos obrigatorios, entre os que destaca o de ter as instalacións de produción, elaboración ou comercialización situadas nun dos sete concellos do Xeoparque (envasar na Fusquenlla é suficiente para cumprir este requisito), ademais de estar dadas de alta no IAE na epígrafe correspondente e, sobra dicilo, cumprir coa normativa tributaria, laboral e sanitaria. No caso de produtos agroalimentarios tamén é imprescindible contar co Rexistro Sanitario en vigor, agás no caso de quen se encontre no réxime de venda directa regulado polo Decreto 125/2014 da Xunta de Galicia.
Ademais dos requisitos obrigatorios, as solicitudes de persoas produtoras e transformadoras son avaliadas mediante un conxunto de criterios que miden aspectos como a vinculación territorial, a calidade nos produtos e na xestión, a elaboración local, a proximidade das materias primas, os atributos culturais, a sostibilidade ou o compromiso co Xeoparque. Para obter a autorización basta con dar resposta afirmativa ao 25% das preguntas do formulario avaliativo, aínda que o regulamento tamén contempla criterios habilitantes que, de cumprirse, dan acceso directo á marca sen necesidade de superar ese limiar.
Como se solicita?
O procedemento de adhesión é sinxelo. A empresa interesada debe presentar un formulario de solicitude xunto coa documentación acreditativa básica: NIF ou CIF, rexistro sanitario, certificado de alta no IAE e, no caso de persoas xurídicas, documentación do poder de representación. A solicitude pode presentarse presencialmente nos rexistros de calquera dos sete concellos, por correo postal certificado ou enviándoa ao correo electrónico da Asociación: xestionaxco@gmail.com. O prazo máximo de resolución é de tres meses.
Para as empresas que traballan ou están en proceso de instalarse na Fusquenlla, a incorporación a KB0 Ortegal representa unha boa oportunidade para diferenciarse no mercado asociando os seus produtos á identidade e aos valores dun territorio recoñecido internacionalmente. As primeiras dezaoito adheridas abren agora o camiño para que moitas máis poidan seguir os seus pasos.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



