O noso centro de transformación agroalimentaria acolleu este martes 16 de setembro a primeira das actividades do Coworking Fest 2025, promovido pola Deputación da Coruña dentro da rede provincial de espazos de traballo compartido. Ao longo da mañá desenvolvéronse varias visitas guiadas ás instalacións, conducidas por usuarias do centro, nas que se amosaron os procesos de elaboración, envasado e almacenaxe que se poden facer nas instalacións. As persoas asistentes tamén puideron coñecer de primeira man o modelo de autoxestión que fai da Fusquenlla un proxecto singular para o apoio ao medio rural.
A programación continuará este xoves 18 de setembro coa actividade “Transmitindo saberes e sabores”, que se desenvolverá na Casa da Cultura de San Sadurniño a partir das 19:00h. O encontro terá unha parte de charla-coloquio sobre o papel das mulleres no rural, tomando como referencia experiencias impulsadas desde a Fusquenlla. A conversa estará moderada pola técnica de Igualdade de San Sadurniño, Oriana López Castiñeira, coa participación de Remedios Hernández Adeba, Cynthia Arias Ramil e Sonia Rodríguez del Valle, todas elas usuarias das instalacións.
En paralelo, a cociñeira María Jesús Abeal Sánchez realizará un showcooking con degustación final empregando produtos elaborados no obrador. A actividade é gratuíta pero require inscrición previa a través deste formulario en liña.
A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.



